Friday 03 de May de 2024

Neda conmemorará o 8M cunha xuntanza de mulleres, mindfulness e actividades de igualdade para os menores


O Concello de Neda vén de presentar a súa programación especial con motivo do 8M Día Internacional da Muller. Durante todo o mes de marzo levaranse a cabo propostas dirixidas á promoción da igualdade, incidindo especialmente na necesidade de que as veciñas desfruten dun tempo de seu para o lecer. Entre as novidades, unha xornada de mindfulness e a primeira xuntanza de mulleres da localidade.
A oferta deseñada dende o consistorio arrincará este mesmo venres coa tradicional iluminación conmemorativa na fachada da Casa Consistorial, e incluirá propostas variadas para públicos tamén diversos.
Así, nos centros educativos públicos poñerase o foco na igualdade, da man do ciclo de charlas “Rompendo moldes”. A iniciativa busca que os rapaces reflexionen sobre os estereotipos de xénero no ámbito laboral. E para iso dará voz a mulleres de distintas xeracións que compartirán coa rapazada a súa experiencia profesional, algunha en sectores ou oficios claramente masculinizados.
A oferta para os máis pequenos da casa completarase cunha sesión especial do programa Lesme un conto?, que traerá á vila o sábado 16, ás 12 h, a Pérez & Fernández co espectáculo “Rosa e azul”.
Marzo será ademais o momento de materializar o compromiso plenario de outorgar ao pavillón de San Isidro o nome de polideportivo municipal Ale de Paz, en recoñecemento á traxectoria da recoñecida xogadora de fútbol sala nedense.
Con todo, a oferta municipal destaca sobre todo pola propostas vencelladas ao benestar e ao lecer. Nesta liña porá o foco nunha das derivadas da falta de conciliación e corresponsabilidade no fogar: o tempo libre das mulleres (especialmente cando son nais) e moi inferior e de peor calidade que o dos homes.
E así, no marco da programación especial, ofrecerase a tarde do 8 de marzo, unha Xornada de mindfulness, da man de Vicente Sueiras, cunha andada consciente e un obradoiro posterior de iniciación a esta práctica. Días máis tarde, concretamente o 17, a partir das 10 horas, haberá unha andaina saudable por Neda, con arranque e final no albergue de peregrinos. O itinerario, baixo o título de “Avanzamos en igualdade”, percorrerá uns 10 quilómetros.
Finalmente, o 23 de marzo pecharase a programación coa celebración da I Xuntanza de mulleres de Neda. Trátase dunha comida, aberta a veciñas de calquera idade, que terá lugar no centro cívico da vila, e que contará con música en directo. Unha escusa para festexar, saír da casa, e, por unhas horas, deixar atrás a rutina.
Nos próximos días abriranse os prazo para anotarse nas distintas actividade de lecer, chamando por teléfono (981 390233), ou achegándose á biblioteca municipal, que habilitará un centro de interese sobre feminismo, xénero e igualdade.